Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta colabora coa Asociación de Solidaridade Galega co Pobo Saharauí


A poboación dos campamentos saharauís ten a consideración de “prioritaria” dentro da planificación de actuacións da Cooperación Galega

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou os campamentos da poboación refuxiada saharauí en Tinduf, Arxelia, onde comprobou de primeira man o estado do proxecto que está a desenvolver a Asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). A actuación consiste na prestación de axuda e material sanitario e na construción dunha casa para os médicos na Wilaya de Bojador, que grazas ás axudas galegas xa entrará proximamente en funcionamento.

Os beneficiarios do proxecto levado a cabo na rexión arxelina son unhas 6.000 persoas da poboación da Wilaya de Bojador, 400 nenos/as, 400 mulleres embarazas, 400 persoas maiores -aos que se lles entrega leite en po- e 30 membros do persoal sanitario local que utilizarán o material sanitario e reciben formación. Desta maneira, a casa para o persoal médico permitirá ofrecer un servizo de mellor calidade ás mulleres e infancia en particular e á poboación saharauí en xeral, pois contará co equipo necesario para mellorar a calidade da atención sanitaria primaria, funcionando como centro de apoio ao Hospital de Bojador e permitindo que as Comisión médicas galegas se instalen nela durante as súas visitas aos campamentos.

O obxectivo da actuación da Cooperación Galega que se está levando en Tinduf é contribuír na mellora das condicións de vida da poboación refuxiada saharauí, con especial atención ós nenos e nenas, mulleres embarazadas e persoas maiores. A población dos campamentos saharauís ten a consideración de “prioritaria” dentro da planificación de actuacións da Cooperación Galega polo que dende o ano 2006 a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, vén colaborando coa SOGAPS no financiamento de diferentes proxectos, a través da sinatura dos correspondentes convenios.
Neste sentido, as achegas da Xunta ascenderon, entre os anos 2006 e 2014, a máis de 700.000 euros, importe que se destinou a proxectos de axuda alimentaria de emerxencia para a poboación refuxiada saharauí en Tinduf; formación, información e docencia no campo da pediatría, tanto ao persoal sanitario das dairas como ao persoal médico do hospital en Huambo; e apoio sanitario para a mellora do nivel de saúde da poboación dos campamentos de refuxiados en Tinduf. Está previsto que nos orzamentos de Cooperación Galega para 2015, a dotación de 100.000 euros para un novo convenio coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

Igualmente, grazas ás axudas do Goberno galego tamén se levou a cabo un proxecto de melloras das condicións sanitarias da poboación refuxiada saharauí garantindo o bo funcionamento do Hospital de Smara. A última achega nesta materia foi no pasado 2013, cando se lle deu continuidade ó proxecto de apoio sanitario e alimentario na Wilaya de Ausserd.

Unha axuda prioritaria
A colaboración entre ambas entidades enmárcase dentro do Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017. O dito plan identifica a acción humanitaria como unha prioridade sectorial dentro da cooperación, sendo importante destacar que a poboación saharauí figura como prioritaria para a atención da Cooperación Galega.

Pola súa banda, a Lei de Cooperación para o Desenvolvemento recolle á axuda humanitaria e de emerxencia como un dos instrumentos de cooperación e recoñece coma prioridade sectorial a promoción da igualdade de oportunidades e a defensa dos grupos de poboación máis vulnerables, con especial incidencia nos refuxiados, desprazados e retornados. Finalmente, o Plan Anual 2014 establece a necesidade de continuar co apoio outorgado á poboación saharauí, sendo esta unha constante na planificación do Goberno galego.